Sobre repinaldos e dragóns.

Este ano non puiden asistir á Festa das Peras, en Pontedeume. Non puiden mercar uns péxegos abrideiros, ou uns repinaldos. Outro ano será, mais polo de agora vos deixo unhas fotos doutros anos:

Parece que o cultivo da froita na comarca do Eume quere rexurdir, despois dunhas décadas de decaemento, coa axuda e o impulso da Asociación Galega para a Defensa da Froita Autóctona

Mais, por que houbo un decaemento neses cultivos?
Pois un factor determinante foi a “chuva ácida” das centrais térmicas das Pontes e de Meirama, que afectou as árbores froiteiras de varias comarcas coruñesas e luguesas.
É sorprendente o pouco que a opinión pública galega sabe aínda deste feito, como da desaparición do marisco na ría de Ares despois das enxurradas de terra ácida procedente da mina das Pontes, nos anos 80.
(De certo que serán ben coñecidos e gabados os beneficios desas industrias: os que levan os lucros xa se encargarán de publicitalos.)

Eu creo na industria como motor do desenvolvemento social e económico. Porén é preciso, no caso de proxectos industriais con grandes impactos ambientais, prever e medir ben o balance final.
Hai que pór nun prato da balanza os lucros e os beneficios, no outro os impactos e as perdas asociadas. Sen agochar nada: nin os lucros empresariais, nin o emprego xerado e rendas do traballo, nin os impactos ambientais e as perdas derivadas.

E é moi importante tamén observar como se reparten as distintas partes: quen son (e onde viven) os que levan as boas, as regulares e as más.
Unha análise dese xeito é totalmente pertinente para eses novos proxectos de grande impacto, como a polémica mina de ouro de Corcoesto.
Porque é moi fácil para algúns defenderen unha industria de grande impacto ambiental que lles dea lucros, ora ben, sempre que non se poña na súa cortiña (yes, but not in my backyard!, que din os anglosaxóns).

Volvendo á froita, podemos ollar para o futuro. Xa non se queima naquelas centrais térmicas carbón cheo de xofre, as árbores froiteiras volven ter unha oportunidade. É certo que entretanto as novas xeracións abandonaron o campo á procura de emprego urbano e a revitalización deses cultivos precisaría dunha xeración que pegase no testemuño que deixan os vellos.

Mais a visión da economía está mudando e caen os mitos creados artificialmente a respecto do crecemento indefinido e da globalización feita á medida das grandes corporacións. E tamén sobre a relación entre o crecemento e o emprego. Xa hai moitas voces que o advirten:

Manuel Garí: “O dilema non é crecemento e emprego versus natureza, senón crecemento capitalista versus natureza e emprego”.

“Decrescimento, crise e capitalismo”, de Carlos Taibo

A economía sustentable cada vez máis vai depender dos mercados locais, das iniciativas comunitarias. Só os pobos que sexan capaces de se auto-organizaren poderán salvarse a si mesmos. Non vai vir ningunha grande corporación salvadora, nin moito menos presidentes-caciques a traeren solucións máxicas coas súas “influencias”.

Dun xeito práctico, por que non poden estar nas tendas (pequenas e grandes) as mazás de Fociño de Lebre, ou as peras Millarengas producidas por cooperativas ou pemes galegas, ao lado das “Granny Smith”, “Pink Lady”, “Conferencia” e outras? Non vai ter a nosa xente unha oportunidade para vivir? A calidade dos produtos é perfectamente equiparable (ou mellor, vai en gustos).

Como na historia que narra Elena Gallego no seu éxito de literatura xuvenil, Dragal, oxalá que o noso pobo desperte o dragón interior que leva dentro e saiba tirar partido dos verdadeiros tesouros que posúe. O crego do Dragal devecía polas reinetas do país.

Sobre a Asociación Galega da Froita Autóctona:
Reportaxe na TVG acerca das actividades da Asociación
Variedades de froita autóctona

Booktrailer da triloxía Dragal, de Elena Gallego:

Esta entrada foi publicada en Património, Património imaterial e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.